GASOIL
¡Seica o están pasando moi mal! el, ¡vaia por deus!
mete todo canto ten en gasoil para o tractor e para a furgoneta. Non ten
paradiña co seu corpiño escaso. Co trasfego propio do maio, parece que as carnes,
lle fuxiron de riba.Semella unha radiografía, unha caricatura de home.
A que fala é unha muller vestida case de negro ou
loito dos pés á cabeza, a face véselle sucada por fondas engurras, mentres o
naso rotundo fórmalle un triángulo recto coa mesma, leva ademais un pano gris
con floriñas brancas tapándolle os pelos xeados da cabeza.Anda apañando na
herba á manada, preto dunha montesía fonte de auga abundante, cun fouciño moi
brillante no fío polo uso cotiá e polo afiado constante nas pedras fitadas que
delimitan os campos e as brañas.Ten unha fala nasal, case sólida, no medio da
cal alumea un sorriso retranqueiro de vez en cando.Para protexerse da luz solar
levanta a media lúa do fouciño facendo unha improvisada viseira metálica sobre
uns ollos negros que só reflicten cansazo,tenacidade e resignación humana.Fala,
escoitándose o que di, cunha linguaxe herdada da casa, coma as terras, brañas e
matos.Delgada, alta, algo cargada de costas, octoxenaria inicial, máis alá do
ben e do mal, raíña da súa derrota, campesiña sobrevivente dos tempos da
economía de subsistencia.Sigue dicindo:
Dende que parou o ladrillo xa non tivo máis
traballo.Agora trata de manter becerros, galiñas e cabras para consumo da casa
e para a venda en b a particulares. ¡ Meu pobre fai o que pode! Cos 426 € do
paro non se pode soster unha familia de seis fillos coma a del.A coitada da
muller, o mundo dáos e eles xúntanse, principiou en varios choios pero logo a
botan porque seica non rende.Os anos de agora son competitivos, o capital para
selo ten que ter cara de lobo e morder no vivo.
Hai que axudalos, os alimentos que lles dan os
servizos sociais do concello non lles alcanzan.Solidariedade entre nós lonxe da
televisada.Son moitas bocas. A nosa Patricia, a pobre, xa falou á hora de
xantar de levarlle unha empanada de xoubas da de Pasarín de dous quilos.Que
tomen exemplo, que as criaturas están medrando e o pobre do pai non pode máis.
Do millo que bota e das patacas non quita rendemento ningún, todo se lle vai no
gasoil e nas voltas que da co furgoneta sen vir moito ao caso.Por andar e que o
vexan.O pobre, ata me parece que deixou de fumar, porque o tabaco ademais de
pai de moitas enfermidades está caro.Das parras de viño catalán, por moito que
sulfate e cave, tampouco vai quitar ningún proveito; como máximo, poden andar
ledos el e máis a parenta polo medio do vello encrucillado das veigas.Que aquí
non se ten feito, nin se fará nunca por moito que cacarexen, a concentración
parcelaria.E se cadra, que eu xa digo non os vin, arrímanse a calquera arredor
e aumentan a familia.Que rapaces seica fan falla.....eu que sei meu fillo.El
nin sequera é de taberna. Pero son moitas bocas e os rapaces están
medrando.Agora abres a porta á mañá cedo e todo se volve pagar: luz,lixo,
impostos, comida, seguros se os hai, roupa, calzado, teléfono, imprevistos.E os
euros non nacen no medio da verdura do caldo.....porque claro o noso traballo
non se respecta, nin da o proveito que tiña que dar.Se facemos números estamos
perdidos.....en algo temos que pasar o tempo.¡Meu pobre! el non ten parada co
corpo, pero nin así pode dar conta do seu tear.Son tempos xeados,corruptos, de
quitarlle a pel á xente en traballos do diaño que, se me descoido, non gañan
nin para pagar o gasoil...eu que sei meu filliño, ás veces é mellor calar e
sentarse á sombra dos ameneiros na beira do río ¿ non che parece?
-Claro que si señora Filomena, o que hai está mal
repartido e uns poucos rin e outros moitos choran.Eu xa ve, vivo na puntiña do
gasoil, coa cabeza debaixo do brazo, canso de ver pasar avións a reacción.
-Pois a xente di que sabes moito, que tes lido moitos
libros e que ata os escribes...
-Algo deso hai, o que pasa é que a nosa tamén é unha
literatura de subsistencia que non chega ao pobo chan, lese pouco e fáiselle
máis caso a calquera grileira ou charanga, cas lerias de marfil dos
escribidores.
-¡Todo por culpa do gasoil!
-Está claro, ten que ser por iso.
Por R.S. Lago. Para todos os meus seguidores amigos que me dan forzas para seguir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario