
NEGOCIOS
Estou
na terraza da pastelería Caprichos pendente de algúns negocios, estou tomando
un gin tonic con xeo e unha lisca de limón, no meu maletín de pel de becerro
teño un marteliño de carpinteiro con mango de madeira...Son as sete da tarde e
por fin chega o enmascarado, vir vén a face descuberta, pero con barbas
postizas, gafas negras de sol e unha viseira tamén negra da marca X.Achégase
cauteloso á miña mesa e falamos.Entrégolle un sobre con cinco mil eurazos ben
contados a toca tella e o plano de google coa localización da casa e unha foto
actual en color da vítima voluntaria.Enmascarado asegúrame que nun prazo de
quince días reais a partir de mañá o traballo quedará feito.Chocamos as mans en
plan okei e tal como veu ausentase con total discreción.Mentres se me alcanza
sígoo coa vista, é un tipo pequeneiro, sen ningunha característica especial que
se poida dicir del así a primeira vista.Máis alá do parque infantil saíse do
meu campo de visión e débese dirixir á parada dos taxis para coller un , ou ao
mellor ten estacionado o seu auto na estrada de Vilagarcía...Non vou dicir aquí
en que consiste o traballo que a min me supón un ingreso doutros cinco mil
euros, cincuenta, cincuenta, e a pobre tolleita da foto a tomar polo "ass" a
petición propia, negocios, son negocios e nós actuamos ao gusto do consumidor
que é o que paga.Quince días e ¡pum!, en calquera momento, mañá mesmo, por sorpresa, que investiguen despois o que queiran, o negocio marcha, cada vez hai
máis desesperados sen valor para actuar por si sos, ¡ viva o liberalismo...! O
día de primavera alta deixa ver o sol en todo o seu esplendor coma unha gran
laranxa acesa, arredor de min a xente socorrese con bebidas frescas con xeo,
viseiras de colores e algúns mesmo se aplican cremas protectoras na face e nos
brazos.Hai peregrinos de varias nacionalidades, meniños con triciclos e unha
auténtica praga de carteis electorais: aos vellos das xerais españolas de
poucas datas atrás, súmanse agora os das locais i europeas, os candidatos rin
encol das súas siglas coma país xenerosos, as pancartas ondean ao vento en
demanda do voto...o goberno do pobo polo pobo ten estas congostras, unha
romaría de ollos a mirar para ti para que te sintas necesario e importante,
probablemente, pero a min tanto ollo observándome ponme algo nervioso e pido un
segundo gin tonic. Nesto xa chega Sonia , a rapaza de vintecinco abrís da recta
da Anllada, ¡ola!, ¿tomas algo?, non que xa marchamos, toma e entrégame un
sobre con tres mil euros.É a última entrega dos nove mil euros que lle cobrei
por casala cun mexicano do concello ourensán de Avión con negocios en México
distrito federal, el ten setenta e oito anos, viúvo de pouco, quería unha
rapariga fermosa da terra, ten un fillo herdeiro de trinta, e como di Sonia ,
que xa anda grávida, da familia vai ser a criatura o que non se sabe se do pai
marido ou do fillo fillastro.Xente de moito capital, con avión e outras coñas
mariñeiras...negocios...aínda ben non marcha Sonia, xa vén Cristina corenta
anos, a muller dun hoteleiro de Sanxenxo cun novo sobre, este de catro mil
euros, pago único, polo cruceiro que fixo polo mediterráneo co atractivo
cantante dunha orquestra galega, que pola súa parte lle quitaría quen sabe
cánto ademais de disfrutar dos seus
encantos...estou a punto de pedir un terceiro gin tonic , cando vexo vir o camión
dos cochos que baixa de Lalín e vai cara o matadoiro de Montellos en Betanzos,
son as oito da tarde, hai algo de atasco no cruce de estradas do centro do
pobo, o xusto e necesario a estas horas, ademais hai un municipal asubiando,
saio correndo , collo o marteliño de carpinteiro con mango de madeira, sitúome
detrás do camión detido, cheira que fede, doulle a un dos pasadores, logo ao
outro, tiro pola porta, empezan a saír cochos, cochos, cochos, que corren en
todas as direccións, a xente amodorrada nas terrazas aplaude, pero cando baixa
o chofer cunha pata de cabra nas mans todos calan, o municipal non sabe que facer
e pide reforzos polo walkie ...un porco grande que corre en dirección ao río
Umia chíscame un ollo. Todos eles chían de xúbilo, escapan da morte, queren ser
libres, estou seguro de que polo menos eles me teñen por unha boa persoa e
incluso por un heroe e que lle falarán de min aos seus descendentes, se logran
zafarse...no medio de todo o alboroto eu voume esvaecendo, son ese cidadán
anónimo que enche unha botella plástica de cinco litros de auga da burga para
ao chegar á casa amolecelas uñas dos pés e cortalas aproveitando que hoxe é un
día que non leva r...Eu son o fillo do Vento do Norte e para tratar comigo
destes e doutros negocios, hai que facer baixar do aire un corvo e darlle o
recado que corresponda que el xa sabe onde toparme... Por R.S. Lago.Maio
2019.
Ningún comentario:
Publicar un comentario