luns, 2 de maio de 2022

BARRO (Poema) da fistora do Lombo da Maceira Eva Espido que mo entregou a min...

 



 

               BARRO

Eva Espido a muller inspirada do Lombo da Maceira

A propia fistora de parroquia da Portela

Onte xenerosa entregoume un poema sobre o concello de Barro

Que en letras presentase desta maneira:

 

“Barro: a carne do edén rebentado

37.7 km2 de extensión en forma de amizosa folla de hedra

3.746 habitantes, temperatura media 13º c. 81% de humidade

Seis Parroquias de norte a sur: Valiñas, Barro

Agudelo, Perdecanai, Curro, A Portela

Fervenzas de Barosa, dezasete muíños fariñeiros

¡ moito mantivo Barosa daquela!

Pazo da Crega, Casa da Torre, Casa Losada Amor

Castros, petróglifos, doce igrexas cristiás

Pobo de estrada atravesado pola N-550, a AP.9 o camiño de ferro

E a rota xacobeo portuguesa seguindo o itinerario

da Vía romana XIX da época de Augusto.

 

Barro: capital administrativa o San Antoniño

Entre os ríos Umia e Lérez localizado

Casa nova do concello de pedra granítica con dúas torres ameadas

Antiga casa do concello convertida en centro cívico.

 

Barro: A carne do edén coa que na xéneses bíblica

Un deus tan inicial coma imposible fixo a Adán e Eva

Agora mesmo un municipio dos sesenta un da provincia de Pontevedra

Administrativamente de terceira categoría

Son elixibles nas furnas once concelleiros

Pobo de estrada e de paso urxente polo común

Nos anos setenta tivo cámping para atraer turistas.

 

Barro: A carne do edén triturada

Polos fracos empregos do oitenta por cento da xente

Inferno pequeno, sempre calado e sufrido

No que só un vinte por cento traballa con todos os dereitos

Aquí o que hai ben se come

E aínda hoxe con tenteos de parcelaria intermitentes

Demorados, burocráticos, elípticos e burlescos

Non sabemos que xogamos a ser

Sobrevida terra de viño albariño e o resto a margaritas.

 

Barro: A carne propia de facer cerámicas

E hai quen as fai moi ben pero non se expande e contaxia

Barro xacobeo, Barro urbano na rúa das Baladas

E no San Antoniño a súa capital oficial

Nas leiras agora cebolas e catro vacas pacendo

Eu non sei dicilo doutra maneira

Que lle canten ás sombras benéficas das carballeiras

Á Arcadia paisaxística e aos sagrados Furanchos

Outras sensibilidades máis conformistas e románticas

Que cando de economía se trata todo sairá dos polígonos industriais

E aí a tal hora adan urxidos no gran premio das carretillas tolas...

 

Barro: A carne do edén fendida pola metade

Catro gatos pardos axustando o reloxo dos tempos

A cousa non da máis de si, pero aí vamos

Sen libros nas casas, ebrios para resistir

A boca sen dentes, que se salve quen poida

Entre tanta , tanta carne de canón

Que aquí só dan paus por cantar

E así non hai ánimo que ben se goberne

Nin condenado con letras que queira bailar.

 

Barro: A carne do Edén posta a secar ao sol

Pobo multi dependente, cheo de xente humilde e honrada

Que hai que ensinarlles a cortar estradas e camiños de ferro

Para contra restar o frío dos tempos económico laborais protestando

E torcerlle o camiño derrotado da misa e da porta dos señores

Barro é un segredo con espírito nobre que a min non me calma

Que fai o camiño dos heroes cada sacrificada xornada

E por certo agora moito manteñen os servizos sociais do concello...

¡E claro que se poden vender os sobrantes de horta na praza do Viño...!

 

 Barro, Barro, Barro, todos xuntos a tirar do carro

Saía por onde saía o sol en común

Antes de pórse a brillar na lama...

 

E se me preguntan si podo facelo mellor, logo contesto:

¡ Non , non señor eu non llo sei facer doutra maneira!”

 

Tal como mo entregou Eva Espido a fistora

 Do Lombo da Maceira da Portela aquí inxiro o seu texto, ela di que poético

Que solucións nin hai, nin aporta, pero a preocupación abonda, aínda que non resolve nada...

                                                                       rslago 22

   

HERIDAS

  HERIDAS Hay heridas que no se curan jamás son como medallas con las que te condecora la existencia heridas de amor heridas fru...